Friday 03 de May de 2024

Gonzalo Muíños insta ao bipartito a iniciar o lote II de asfaltados: “que deixen de reanunciar o que xa deixamos feito e se poñan a traballar no que lle deixamos en bandexa”


O lote II de asfaltados contempla actuacións en Pilar Miró, San Caetano, rúa da Presa no Castiñeiriño, en Burgo das Nacións, na zona de Santa Isabel ou Vite de Abaixo.
Muíños aféalle ao concelleiro de Obras que saíse a anunciar o inicio das obras do itinerario ciclista entre Romero Donallo e o Hórreo, “algo que xa estaba anunciado e que podería estar xa en marcha, se non chega a ser polas pegas que puxo a señora Sanmartín desde a oposición na comisión asesora”

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2023. Chegan críticas ao bipartito desde as filas socialistas porque se centre “no marketing” e non “en gobernar”. O portavoz do PSdeG instou ao goberno a “deixar de repetir roldas de prensa para sacar peito de méritos que non son seus” e a gobernar para sacar adiante o Lote II de asfaltados “que deixamos preparado e contempla actuacións en Pilar Miró, San Caetano, rúa da Presa no Castiñeiriño, en Burgo das Nacións, na zona de Santa Isabel ou Vite de Abaixo”.

Muíños recalcou que se trata de asfaltados “moi necesarios, que nos está a reclamar a veciñanza e que nós xa deixamos preparados para saír adiante”. Así esíxelle ao goberno local que “deixen de reanunciar o que xa deixamos feito e se poñan a traballar no que lle deixamos en bandexa”. E é que o Lote II de asfaltas supón unha inversión de arredor de 300 mil euros e vén a completar o primeiro lote que está a piques de rematar e implicou a renovación do asfalto en Alfredo Brañas, Santiago de Chile, Canteiras do Sar, rúa da Estrada, Mallou de Abaixo ou Diego Bernal.

De feito o portavoz dos socialistas asegura que lle pillou “por sorpresa” o anuncio do concelleiro de Obras “pois pensaba precisamente que o que ía a explicar era o inicio destas obras de rexeneración asfáltica”.

En todo caso, Muíños amosouse satisfeito de que o bipartito “lle de agora continuidade aos proxectos que o noso goberno puxo en marcha para transformar a mobilidade de Santiago e apostar pola rexeneración do Campus Sur” aínda que lles afea os seu “afán por poñerse medallas” cando “foi precisamente a señora Sanmartín, cando estaba na oposición, a que retrasou este proxecto de humanización do Campus Sur cando na comisión asesora poñendo moitas obxeccións polo impacto que esta humanización podería supor para certo festival”.